Nota: Activar unha conta de root e o seu contrasinal é un dos pasos máis importantes durante a instalación. A conta de root permítelle instalar paquetes, actualizar RPMs, e realizar a maioría das tarefas de mantemento. Ó autenticarse como root, terá un control completo e moi potente sobre o seu sistema.
Ten que asegurarse de que usa a conta de root só para tarefas de administración. Faga outra conta de usuario para o uso normal, e empregue o comando su - para obter acceso de root se ten que solucionar algo rapidamente. Estas regras básicas minimizarán as posibilidades de danar o sistema no caso de que escriba un comando equivocadamente.
Introduza o contrasinal para a conta de root, cunha lonxitude mínima de 6 caracteres. Escríbao de novo no segundo campo de texto para confirmar. O botón Seguinte activarase só cando as dúas versións do contrasinal coincidan.
Aconséllase usar un contrasinal que poida lembrar, pero que non sexa doado de adiviñar para outras persoas. Non debería anotar este nin calquera outro contrasinal que utilice.
De seguido, cree unha conta de usuario.
Indique o nome da conta de usuario. Logo, póñalle un contrasinal e confírmeo. Por último, introduza o nome completo do usuario e prema Engadir, para engadir a información da conta á lista de contas.
Para engadir outro usuario, escolla Novo e encha a información nos campos baleiros. Ó acabar de introducir os datos, use o botón Engadir para engadir o usuario á lista de contas.
Tamén pode Editar as contas de usuario creadas, ou Eliminar as que xa non necesite, seleccionando unha conta e usando os botóns Editar ou Eliminar.