Opcións de Instalación

Decida se quere realizar unha instalación completa ou unha actualización.

Unha instalación completa destruirá toda a información gardada nas particións seleccionadas.

Unha actualización preservará os datos do sistema Red Hat Linux.

Se quere realizar unha instalación completa, terá que escoller a clase (ou tipo) de instalación. As opcións son: Estación de traballo, Servidor, Portátil, ou Personalizada.

Se non sabe que clase de instalación desexa, lea o seguinte coidadosamente.

Nota: Ademais dos métodos de instalación mencionados embaixo, Red Hat Linux tamén se pode instalar dentro dunha partición FAT (DOS/Windows) xa existente. Este método de instalación "partitionless" é seleccionado automaticamente ó etiquetar unha partición DOS como / na pantalla de particionamento do Disk Druid. Con este método queda desactivada a eliminación automática de particións nas instalacións da clase estación de traballo.

As instalacións da clase Estación de Traballo instalan o Sistema X Window e o(s) xestor(es) de escritorio da súa escolla. Unha instalación desta clase elimina tódalas particións de Linux que existan nos discos duros (e usa o espacio baleiro sen particionar). As particións que non sexan de Linux ficarán intactas, e trala instalación poderá arrincar outros sistemas operativos instalados ademais de Red Hat Linux.

Se desexa que o sistema funcione como un servidor Linux, e non quere personalizar detalladamente a configuración do sistema, ou instalar X Window, o máis acaído é unha instalación de clase Servidor. Esta clase de instalación elimina TODAS as particións existentes en TODOS os discos duros instalados, polo que só debe escollela se non ten nada que queira gardar Isto inclúe TODAS as particións usadas por outros sistemas operativos. TODAS as unidades serán borradas -- ¡non estamos a brincar!

As instalacións de clase Portátil instalarán o Sistema X Window e o(s) xestor(es) de escritorio da súa escolla. Esta clase de instalación é moi similar á de estación de traballo, pero ten soporte adicional para PCMCIA. Unha instalación de clase Portátil elimina tódalas particións de Linux en tódolos discos duros instalados (e usa o espacio libre sen particionar). As particións que non sexan de Linux ficarán intactas, e trala instalación poderá arrincar outros sistemas operativos instalados ademais de Red Hat Linux.

Soamente a instalación personalizada lle dá flexibilidade completa. Durante unha instalación deste tipo, é vostede quen decide como particionar o espacio do disco. Ten control completo sobre os paquetes que se van instalar no sistema. Tamén pode decidir se quere usar o LILO para arrincalo. A menos que teña experiencia anterior en Linux, non debería seleccionar este método de instalación.

Para máis información sobre as diferencias entre as instalacións de tipo estación de traballo, servidor, portátil e personalizada, consulte a Guía de Instalación de Red Hat Linux.